domingo, 10 de enero de 2016

FERNAN VELLO, Miguel Anxo



http://www.bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=MigFern%E1&alias=Miguel+Anxo+Fern%E1n-Vello

LINGUAS DE VENTO

Son como golpes fondos sobre a flor lonxana do sangue,
gravitando un recordo dividido no tempo,
corpo ausente que de repente existe,
violenta fenda branca que se abre no pensamento.

Son como a luz abstracta do poema:
claridade terrestre de raíces, espellos,
sílabas transparentes, percusión insondábel
nun repentino ser ferido de silencio.

Linguas de vento entran porque veñen do abismo
como unha bágoa fría,
entran na casa viva
e sorprenden o enigma dunha materia íntima,
as espirais do clima,
o levitar escuro do destino.

Linguas de vento súbitas que penetran a estancia
onde tremen os fíos dunha dor que regresa,
e as tempas acendidas como un brillo durísimo,
desolación de esquinas contra un muro de olvido.

Son como un lampo verde no corazón dun pozo,
cando veñen e queiman co seu mercurio cego,
linguas dun vento triste que foxe da loucura
dun altísimo norte,
e de repente entran como febre xeada,
como agullas sen fondo,
na nosa carne insomne.

Son esa flor de xeo que estala e nos habita,
ou un breve arreguizo como alento de abismo
calquer tarde de marzo,
esas linguas de vento que de repente existen
e demoran en nós, poro de luz mordida,
o roce invisíbel da morte.

(De:"Antoloxía poética"
http://www.aelg.org/resources/publications/1213291931789antoloxiapoetica.pdf)


SEN TÍTULO

Oh mia patria si bella e perduta!

Vede a brétema baixa como entra nas casas,
como entra somnámbula polas fendas,
verdosa como a tebra dos campos,
con esa cor que teima no esquezo
e na raíz máis líquida da dor.
Védea como penetra devagar nas estancias,
pousándose no tempo, sen tempo,
creándose a si mesma nos espellos,
bebendo a súa propia nudez.
A néboa cos seus rostros sen nome,
cego ollar que regresa
iluminando a nada.
Védea nos cuartos da casa inflamados de frío,
apalpando as raíces insomnes da ruína,
a néboa que oxida as culleres e queima os froitos,
a néboa que amordaza o alento e transfigura os soños.

Cando pasan os días e segue a néboa dentro,
dentro dos habitáculos borrosos e suspensos
como un mar que tece o pensamento,
o animal invisíbel que devora as certezas,
todo arde nun eco de lonxincua ferida,
toda a néboa tisnando o corazón da orixe,
leite azul da negrura,
semente da soidade,
flor estremecida
da estirpe.

Non hai voz nin palabras neste leito extinguido,
patria opaca e perdida,
casa xorda no vento,
nin berce nin memoria,
humidade da morte,
lingua de xiz e serpe,
vapor e luz de eclipse,
pel de cal apagado,
nudez de chumbo e cinza,
antes de que o cadáver brille
na última oración
 pola Beleza.


De: Habitación do asombro