viernes, 20 de septiembre de 2013

CAMPO, Marica






7


O mundo era unha praia e ti volvías
de percorrer a nado o firmamento:
ecos doutras galaxias coma un vento
constelado de voces, profecías,

Palabras como raios me traías,
velocidade en luz de tempo lento,
talismáns como estelas de contento,
siderais aves blancas, cotovías,

cabelos de cometa alporizados,
sons de luceiros, sons extraviados,
cósmico po, astral orballo aceso,

xasmíns de sol, planetas isolados,
extraños alieníxenas varados
do fondo do teu ser !ai,  tanto peso!

33

Adeus , amor, pedinche luz prestada
para facer a cor destes poemas,
luz de sol feble e non de estrataxemas
para entrares ti enteiro na labarada.

Quería un ton menor, a voz coutada,
outras xeografías e outros temas ,
mais asolagadas sempre cos teus lemas
e non deixas espacio para nada.

Adeus, amor, tal vez veña a buscarte
cando murchen as lilas e haxa lúa
para cubrirche o rostro co meu veo.

Foi ao revés agora a miña arte:
falei de min, mais sempre a conta túa
fixen en ti comigo o meu careo.

De : Pedinche luz prestada