miércoles, 23 de octubre de 2013

POUSA RODRIGUEZ, Luis



luis_editado





15
ANOITECE o corpo e a súa sombra de lodo.
Acacias baixo a xistra de cobre.
O portalón verde, o cruceiro, os farois,
as cadeas, o relevo gótico, o banco de granito,
os cativos que berran dende as claraboias,
praza das Bárbaras.
San Carlos, os vidros ábrense á cidade iluminada,
resplandecente sobre os peiraos
e sobre o ouveo histérico da industria.
A escura luminosa do día na Coruña.


57

A esta hora acesa
avanzas polas sendas da memoria recobrada,
vadeas o curso do esquecemento
para inventar de novo os nomes gozosos das cousas,
gaiolas de cristal que tallas e lambes.
Neste instante de pedra líquida,
percorres a xeometría e o perfume
dunha paisaxe que xa non existe.
Descendo ao arquipélago
de materia e  luz da túa pel constelada,
á luz que bebe a miña boca no teu sexo.

De: O embigo do mar





No hay comentarios:

Publicar un comentario