miércoles, 17 de octubre de 2012

PEREIRAS LÓPEZ, Xesus






SABEDES o que é ir coa boca chea
de poesia, manando versos,
cara un lago que se enche de augas musicais?
Amades , de vagar, a  madeira? E os tellados antigos?
Coñecedes as aptitudes da pel?, e
vislumbrades, armados de ternura,
nos acenos do pracer, a loucura
que nos habita e nos sostén
cando todo o soño se derruba?

Virán visitarnos, estaremos idos.
Virán preguntarnos, será tarde.




PROCLAMO o verso máis inspirado
a palabra precisa do que sabe:
silencio isto é.Neste outono
no que entrego o corpo a un lentor
vexetal, onde macera a carne
adolescente, para non transgredir
a estación e restablécese
coa límpida cor das amanitas.

Ergo a vida contra a desfeita
que nos mandan ,
sen falar,
sen prostituír o ar,
a peneirada luz, nesta arboreda
ameazada conteño o berro.
Porque sempre , sempre a seiva
alí escondida me reclama.



De: Cantos da Seiva

VÁZQUEZ CEREIJO, José



Sobriño do poeta Luis Pimentel , coñecese  sobre todo  pola súa faceta como pintor.




Neste faiado de lousa e madeira
sinto os remuiños do mar que soa,
con tanto pranto xeme o catavento
que sen remedio a ferruxe castiga carpideira.
Anne e os nenos co anxel que voa
entre follas de vento, pétalos e tormenta.
Rosas bravas que medran na cheminea
chégame o olor a sal da túa illa
que entre vento , turba e uz navega.



O ar fia o inverno,
o ar tece reproches
en queixumes do espírito,
serraduras de leña mollada.
Neno de ollos tenros
que te soño en vela,
gotexa en tremor a voz
que fai silandeira a ausencia
facendo suspiro a noite.
Vespertina visita desexada,
non estarei cando amañeza,
será noutra amañecida
en burbullas de feitizo,
coma un ladrón de suspiros
sairei dos teus soños coa alba.

De: Sombras de luna azul-Estampas de invierno