martes, 9 de octubre de 2012

CABANA Darío Xohan




http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=DarCaban

CANCIÓN DO CÓNDOR IRACUNDO

Teso, nervudo e podente era o latexar das asas
do cóndor maravilloso que aló enriba peneiraba
cólera de vento irado eléctrico de tronada
no fusco-lusco do abrente que viña tralas montañas.
O paxaro silandeiro tiña esquencidas as cántigas
e o seu berro era tan rouco como o mar en maré alta.
No fusco-lusco do abrente telescopios nas olladas,
formigas escarabellos procesións de carricantas.
Abertas asas e ollos, ollos espidos de pálpebras,
batido polos ciclóns,polas xistras e as xeadas,
o cóndor maravilloso peneirándose na ialba.

CANTIGA DE LUGO CON VENTO VERDE

O vento verde sobre da pedra
engueta os dedos por entre a hedra.
O vento verde
que zoa e medra.

O vento  verde zoa na rúa,
bate as xanelas, abala a lúa.
O vento verde
que se ergue e brúa.

O vento verde que anda lixeiro
chouta as murallas de gris aceiro
o vento verde
meu compañeiro.